Outubro 19, 2009

Manifestación Queremos Galego

O domingo 18 de outubro entre 50.000 (cifra dada pola Policía Local de Compostela) e 100.000 (cifra dada pola organización) galegas e galegos, de diferentes adscricións ideolóxicas, estratos sociolóxicos, e usos da lingua, nos manifestamos na defensa do noso idioma fronte o reiterado ataque que está a sufrir por parte do goberno da Xunta de Galiza presidido por Alberto Núñez Feijóo (PP), convocadas e convocados pola Plataforma Cidadá Queremos Galego integrada por unha diversidade plural de centos de colectivos e persoas.

Os medios de comunicación públicos do noso país (a Radio Galega e maila Televisión de Galicia) non ofreceron unha información veraz que se axustase á realidade do verdadeiro impacto que tivo a mobilización, que contou cun resultado histórico en participación. Nese senso é preciso denunciar a obscena manipulación que por parte dos Servizos Informativos da TVG se quería levar a cabo, pretendendo iniciar unha conexión en directo coa manifestación, no momento xusto en que a primeira lectura do manifesto rematara, e as xentes que ateigaban a Praza da Quintana ían abandonándoa paulatinamente para permitir a entrada dos milleiros de persoas que inda non puideran entrar, e que agardaban nas Praza das Praterías e os seus arredores, e que finalmente encheron por segunda vez a Quintana. É evidente que a distorsión informativa tiña a intencionalidade de ofrecer unha imaxe minorizada dunha mobilización masiva, nun intento claro de manipulación que os milleiros de persoas presentes contestaron berrando, durante preto de dez minutos e con notábel indignación, a consigna "Televisión, manipulación", o que provocou que o equipo da TVG abandonase a praza.

Fronte a esa situación é preciso denunciar e difundir publicamente o acontecido, ao tempo que esixir que os medios de comunicación que pagamos todas e todos os galegos, deixen de ser un instrumento para a deformación interesada, cando non para a propaganda, en beneficio do Partido Popular no goberno do país.

Galerías fotográficas da manifestación (nas que se pode comprobar a asistencia):

http://www.xornal.com/album/2009/10/18/foto/2009101816281337296.html
http://www.anosaterra.org/nova/35944/fotogaleria-i-da-manifestacion-de-queremos-galego.html
http://www.anosaterra.org/nova/35948/fotogaleria-2-da-manifestacion-do-18-de-outubro.html
http://www.anosaterra.org/nova/35949/fotogaleria-3-da-manifestacion-do-18-de-outubro.html
http://www.anosaterra.org/nova/35950/fotogaleria-4-da-manifestacion-do-18-de-outubro.html
http://www.anosaterra.org/nova/35951/fotogaleria-5-da-manifestacion-do-18-de-outubro.html
http://www.anosaterra.org/nova/35952/fotogaleria-6-da-manifestacion-do-18-de-outubro.html
http://www.anosaterra.org/nova/35953/fotogaleria-7-da-manifestacion-do-18-de-outubro.html
http://www.anosaterra.org/nova/35954/fotogaleria-8-da-manifestacion-do-18-de-outubro.html
http://www.anosaterra.org/nova/35955/fotogaleria-9-da-manifestacion-do-18-de-outubro.html
http://www.anosaterra.org/nova/35956/fotogaleria-10-da-manifestacion-do-18-de-outubro.html

Junho 25, 2009

XXXIX

E foron os resultados das europeas. E últimamente ando matinando nestas cousas.

Estas europeas non tiveron chicha por arriba, ou sexa, os mesmos pazgüatos alimentados polos mesmos peitos estatais de ignorantes que só saben facer "politiqueo", porque nin Política saben facer. En fin. Por arriba o único reseñábel foi a perda de votos do BNG. Analicémolo.

Nun rifi-rafe, Antón Losada dixo unha cousa, e Xabier Pérez, intentou dicir outra, aínda que foi censurado. O primeiro falou de que a perda debíase a que o BNG radicalizárase pola chegada ao "poder" da UPG, e que Guillerme Vazquez intentaba recuperar o electorado perdido nas últimas eleccións. Xabier, pola súa banda respondéralle que afirmar iso era como admitir que o Quintanismo trouxera votos aos que se lles estaba a traizoar, pero concluía que o que se facía actualmente no BNG estaba ben.

Como soe acontecer, cada un ten a súa parte de razón, pero non como pensan. Ou sexan, non son capaces de discernir en qué teñen razón e en qué andan trabucados. Agora direi eu a miña opinión, aínda que tamén erre. Os Quintanistas espantaron aos movementos sociais e bases que tradicionalmente apoiaban o BNG, como solución, o partido que gaña, a UPG, intenta recuperar o esquerdismo, iso si, Upegallo, que non foi precisamente o que marchou, xa que a UPG sempre tentou facerse co poder con xogos políticos que, a pesar de non coñecelos de primeira man, sempre deron a impresión de suxos.

E así, o BNG conseguiu romper, non o teito político (paranoia que deslexitimou a Beiras e o apartou ao recuncho máis escuro que puideron) senón que rompeu o seu chan político xa que agora o BNG, xa non da a imaxe de Fronte que sempre deu, senón de UPG cun molesto apósito Quinigano que da produce máis desconfianza que outra cousa.

Falo dende fóra, dende a imaxe que me transmite. Podo estar totalmente equivocado, pero... alomenos, poñelo de manifesto pode dar lugar a un debate interesante.

Junho 15, 2009

XXXVIII

Crise, crise e crise.

Os medios nos manipulan, e non, non é unha frase feita. Os medios dominan a información e a información é poder.

É frustrante ter claro a arañeira que supoñen os movementos do capital, e é máis frustrante ver como a solución é bastante máis dificil do que se pensa. Pero deixemos de dar ideas soltas e empecemos polo principio.

Na segunda guerra mundial, a mente das persoas non estaban estructuradas como as nosas, senón que Hitler non era a sombra nazista que, por sorte, agora atemoriza. Daquela era un dictador máis, e era un dictador cunha ideoloxía, asquerosa e escretábel, pero ideoloxía. Pois ben, os soldados americanos eran aleccionados en "Nós somos os bos" e en "Somos os salvadores do mundo", e saían convencidos de ser verdadeiros combatentes polos xustos ideais. Cando chegaban aos campos de batalla, atopáronse con algo que non esperaban: As efetivas técnicas propagandísticas de Goebles.

Pasou un tempo, e os americanos vían impasíbeis como os seus soldados volvían apoiando certas ideas do nazismo e como non tiñan evidencias de que ocorrera o mesmo no bando nazi. Pero atoparon a solución: Vacinas. Da mesma forma que un virus debilitado nun organismo serve para aprender a defenderse do mesmo, ensinar aos soldados ideas nazis e darlles argumentos a favor e en contra, servía para que seguiran defendendo os "ideais de xustiza", americano, of course.

Pois ben. Miremos á nosa sociedade. Que vacinas vemos?

- "Os políticos son todos uns corruptos".Que é certo, pero iso produce desprecio pola política e por intentar cambiar as cousas. Miles de persoas considéranse "apolíticos" se que iso é posíbel, e néganse a ter implicación algunha na política.

- "O comunismo serve para facernos a todos pobres". Mellor vacina non inventaron. A calquera que te enfrontes cos teus ideais igualitarios poñerá un muro que te dirá que, ou que non é posíbel, ou que derivaría todo nun inferno.

- "O capitalismo é o único sistema que funciona". Pero se está demostrado que non funciona. Os pobres son máis pobres e os ricos máis ricos, a xente cada vez vive peor. Pero en fin.

E dende os movementos de esquerdas, que vacinas se dan? Ningunha.

Os comunistas non ensinan a teoría do libre mercado nin explican nada, sinxelamente, explican unha e outra vez a aplicación do Marxismo: "en contra do capital" "Temos que definirnos como clase proletaria" "só buscan os seus beneficios"... lemas ténues que non chegan a incidir na xente e que os autoetiquetan chegando a ser capaces de ser eles mesmos quen produce o seu propio automarxinamento.

Xa non falo de aqueles que promocionan a violencia ou a loita e que saen como "combatentes" e son arrestados como "gamberros". Os medios intoxican sobre a ideoloxía desta xente, certo, o máis claro exemplo son medios que traducen os nomes de "generalitat" ou "xunta" e din "izquierda Abertxale" mezclando así dous idiomas, porque se dixeran "Izquierda Patriótica" que tal é o significado de abertxale, sonaría demasiado ben. A pesares desta intoxicación, os grupos que se afana en parecer violentos non fan se non dar argumentos a quen queira intoxicar.

Se queremos facer un verdadeiro cambio nas políticas, debemos empezar a falar ben, e confiar en que a xente non vai ter tan pouco nivel para entencernos. Sobre disto, hai que matinar un pouquiño máis, pero aquí deixo un exemplo de como non dicir as cousas e como si.

- "O aborto libre e gratuito!"

Isto é unha frase moi forte que xera unha inicial reacción e que pode ata promocionar aos "pro vida". Na miña opinión, está mellor:

- "O aborto é un feito traumático para todos, a nai, a familia... por iso debemos evitalo con educación sexual e anticonceptivos, actualmente estes métodos non son suficientes, polo cal pedimos que sexa a nai quen decida sobre o seu corpo e non condenala a ela a ter un fillo que condicione a súa vida."

O de arriba sirve para unha pintada, pero sectariza moito, e ata promociona o aborto, cousas a todas luces contraproducentes. O outro non vale para pintada. Pero os comparo porque cando se fai un folleto, o corpo soe reproducir o lema sen argumentar moito, máis como unha arenga que como argumentos.

O segundo, vacina contra os que prohiben o aborto "porque si", e ademais mostra as súas contradicións moralistas ao pretender a un tempo evitar o condón e o aborto, co que nos quedamos con abstinencia baixo pena de ir ao inferno, ou fillos sen recursos que se verán abocados a carencias sociais que aínda non somos quen de solventar.

Vacinémonos un pouquiño.

Março 02, 2009

XXXVII

E ocorreu. Gañou o Partido Popular. Gañou por maioría e sen dúbidas. O BNG e O PSdeG non puideron facer nada.

O PP tivo unha boa campaña electoral. Unha boa imaxe e uns símbolos cos que nos podiamos meter (Un contrato con Galicia) pero que obxectivamente eran xestos ben feitos, non coma o de Conde Roa de bañarse no Sarela. Tamén se lle viu rápido desprendéndose do Fraguismo. Iniciando pola renovación de listas e rematando polas destitucións de cargos con certos oscurantismos.

Os que querían votar ao PP, o votarían sen problemas.

O PSdeG tivo a súa campaña electoral bastante neglixente, pero non foi mala. Agora Touriño non é "O Presidente", estereotipo ao que nunca se lle asociou, pero a parte desta idea, 200 lemas malísimos non venden ideas.O PSdeG ía en contra dun PP pasado que non afectaba a este PP presente. Foi o presidente Touriño o que menos estivo nos medios, e as subidas e baixadas nas súas votacións entran dentro do normal.

Pero o BNG... Ai! O BNG! Que pasou? O BNG estaba no poder. Se cae un mito. Eu sempre pensei que cando o BNG subira ao poder, a xente vería o ben que o fai, e ninguén os quitaría de alí. O BNG caeu, nas galegas.

A campaña do BNG foi rápida e mobilizadora. Por todos lados habían mítines e oratoria do QUIN. Así que en primeiro lugar, quizabes demasiado. O BNG recurriu en campaña electoral á xente, cando non acudiu no resto do mandato, o BNG non estaba o lado da xente. Ese BNG moderno no que hai votación por responsables e non por persoas non funcionou. Admitámolo, aquí non se votou unha xestión dun goberno, senón ao BNG como Partido.

Nesta "modernización" que se iniciou ao chegar ao teito electoral (18 escanos) para baixar con el aos 13 e despois aos 12 que xa moitos dixeron e dixemos, que non están no teito intentando superalo, están no chan electoral.

Inimigos saíron por todos lados. PP aí estaba. UPyD converteuse na 4ª forza política con máis votos que os que tivo no País Vasco onde conseguiu un escano. Ademais partidos coma Nós-UP asociaron ao BNG co capital contra o que non poderiamos dicir moito. Pero Tamén houbo inimigos internos, a foto de Quintana sacada hai tres anos e descontextualizada neste momento foi un golpe baixo, pero a realidade é que aí estaba a foto, ao lado dun empresario, e non ao lado dun pescador. Tamén o dos vellos levaron a desmobilizarse, levar a un fato de vellos a un mítin que pensaban ir a portugal, pode ser un erro, pero a ninguén se lle escapa que na voráxine no que se converteu a campaña electoral do BNG os erros eran máis doado que sucederan.

E a campaña electoral foi penosa. Teño unha camiseta do BNG dunha calidade máis ben baixa que nunca usarei, e que a de Fraga de hai 4 anos era mellor. Os anuncios forzados. É vergoñento ver o Reggaetón de Quintana. Xa resulta vergoñento que a nosa política estea definida polas Estadounidense nesa imitación Obamística como para imitar os tributos a Obama de xeito institucional. E o lema de "Eu son Anxo Quintana" pode resultar bonito e impantacte, Espartaco Quintana dicían na Cope, pero admitámolo, Quintana non é o primeiro en alzar o puño e para gritar nin de sacar o zapato para golpear na mesa.

Queriamos un goberno de esquerdas, pero a paralización á que nos levou o Bloque polos seus propios méritos puxo ao PP aí onde está.

Bloque, esperta.

Fevereiro 13, 2009

XXXVI

Consumismo para a crise.

No espectáculo horrendo da política actual vemos cal é a solución dos políticos para a crise: O consumo. Abáfannos con datos sobre se o máis importante é que a xente consuma, porque nesta situación a xente ten medo de consumir, e a falta de consumo agrava a crise... Dicimos sempre que o que hai que cambiar é a estructura económica, pero nunca explicamos a razón, pois é precisamente isto.

En teoría, se aumentamos o consumo, aumentarán os beneficios das empresas, o cal nos permitirá sair da crise e xerar postos de traballo. A cuestión é que quen ten que consumir son os traballadores. Traballadores que teñen un soldo determinado, que a duras penas chegan a fin de mes, se necesitan que consuman máis. Para iso, se inventaron os créditos, para que xente sen cartos puidera vivir como se os tivera para darse conta de que non os ten no futuro, o boom dos créditos os vimos hai pouco, na que sobretodo os anunciaban para caprichitos ("hasta 3000 euros para lo que tú quieras") e dados por un xenio que non mostraban mes a mes recuperando eses cartos. Ben, pois esta forma fixo consumir por riba das posibilidades e "aumentar o consumo". Agora, a xente non só non chega a fin de mes senón que ten que pagar ese crédito fantástico e marabilloso.

Pero continuemos, o feito de que a xente consumise de máis, e nisto incluímos ás empresas, fixo crecer de xeito irreal a empresas que agora entran na quebra. Eses traballadores e traballadoras que son despedidas ou que se teñen que "apretar o cinto" (Dicía un empresario: "Se os traballadores non se apretan o cinto, en breves teremos que apretárnolos todos") son os mesmos que pediron un crédito que agora teñen que seguir pagando, ou sexa, que non vale só con estar endebedado, que perdes co que ías pagar.

Solución. Se se recortan todos os dereitos sindicais posibles, as empresas poderán facer productos máis baratos "competitivos" de forma de que os pobres podan compralos ("Os pobres cómense aos pobres"). E así, traer un periodo moi curto de bonanza económica na que se teñan que volver loitar polos dereitos laborais e se lles ensine ás persoas que deben consumir por riba das súas posibilidades e así, ter o crecemento que nos levará a seguinte crise.

Colaterais

Nesta caótica espiral de homos lupus homini só polo crecemento do mercado, vemos outros danos colaterais. A necesidade de aumentar o consumo fainos usar cousas de usar e tirar, porque así compramos máis, e non usamos cousas de materiais máis resistentes que durarían máis, porque compraríamos menos. Ou sexa, que por usar cousas resistentes estamos "fastidiando" a economía. En definitiva, que o mellor será comprar un coche cada mes tirando o vello por un acantilado.

Nisto se tirarán dos pelos os ecoloxistas, quen segundo o capital, non se dan conta de que eses inmensos vertedoiros de montañas e montañas de basuro que ocupan chan útil, son o símbolo da bonanza económica. Se a xente reducira basura, o consumo veríase afectado e crise outra vez. Polo tanto non deberiamos Reducir, reutilizar ou reciclar xa que iso son parvadas que frenan o consumo. Tampouco evitar a caza furtiva ou a explotación irracional dos recursos naturais porque senón se paralizará o mercado.

E iso que estamos nun mundo con recursos limitados. Ou sexa, no que o que eu consumo é un recurso menos do total. De tal xeito que se o xuntamos con que o 20% da poboación usa o 80% dos recursos vémonos que lle roubamos a outros os seus recursos por aumentar nós o consumo para saír desta crise. De tal xeito que se precisamos de recursos como alimentos ou roupa, estes serán só para quen os pague. Lembremos que se todos vivimos que o noso 20%, farían falla 3 planetas para proveer de recursos. Polo que o consumismo evita matemáticamente o desenvolvemento no Sur.

Polo que a min respecta, un sistema no que as loitas que facemos por un mundo mellor convírtense en elementos procrise e no que a explotación do proletariado mundial, tanto do norte coma do sur, é anticrise a min paréceme un sistema perverso. E sexamos claros, a propia lóxica do sistema, insustentábel e que obriga ao crecementos, e non á estabilidade, levará sempre a crises.

O sistema é perverso, cambiémolo. Outro mundo é posíbel.
 
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet Este blogue forma parte da Rede de Blogueiras/os en defensa do Galego